Voluntarios da UVigo

Neste blog tentaremos achegar a realidade do voluntariado na UVigo a través dunha serie de enquisas realizadas a voluntarios dos diversos proxectos pasados e presentes. Tamén aproveitaremos para emitir avisos sobre acontecementos, actividades, seminarios, cursiños, etc... que teñan relación co voluntariado en xeral e o da UVigo en particular

viernes, diciembre 01, 2006

¡Por fin voltamos!

Sentimos moito ter abandoado o blog por tanto tempo, mais este foi comezado cara a fin do curso anterior e, claro, os voluntarios tamén nos debemos ás nosas obrigas académicas; ademais este novo ano académico quedamos moi cansos das vacacións XD, e tardamos un pouquechiño en poñernos en forma. Sabemos que estas non son excusas válidas e ofrecemos as nosas desculpas.

Nembargantes, o non ter publicado en todo este tempo ten o seu lado positivo, e éste é que temos unha chea de cousas para vos contar: seguiremos coa serie de entrevistas a voluntarios da UVigo pasados e presentes, contarémosvos as experiencias europeas que tivemos dous voluntarios deste Grupo de Sensibilización e tamén colgaremos información dos acontecementos e actividades organizados pola nosa oficina de voluntariado.

Un saúdo a todos e gracias pola vosa paciencia.

Ricardo, voluntario do gdS

viernes, mayo 26, 2006

Agradecementos


Olá a todos!!! Preséntome: son Ana, outra voluntaria do grupo de sensibilización, e como o meu compañeiro Ricardo xa vos explicou un pouquiño o porque da creación deste blog e o traballo que facemos os membros deste grupo, así sen máis quero adicar o meu primeiro post ós que fan posible que este grupo de sensibilización saia adiante; eles son Ricardo e Xermán.

Ricardo e Xermán son os técnicos da OSIX - Área de Voluntariado e Participación, que decidiron crear un Programa de Voluntariado para atender ás inquedanzas dos membros da comunidade universitaria (é dicir, nós).

Os obxectivos deste Programa de Voluntariado son:
- Promover a integración dos estudantes na realidade social.
- Fomentar a participación da comunidade universitaria nestas actividades de voluntariado.
- Difundir entre os estudantes información das actividades desenvoltas polas ONG's, institucións e fundacións das localidades nas que se atopa a Universidade de Vigo.

Eles son os que dirixen os proxectos própios da Universidade:
- E ti que fas? (Proxecto de sensibilización na comunidade universitaria)
- Reciclaxe de ordenadores
- PIUNE (Proxecto de Integración de Universitarios con Necesidades Especiais)
- Visitas de Maiores á Universidade (xunto coa colaboración do Concello de Vigo)
e os que proxectos compartidos con fundacións, institucións e ONG's, dos que iremos falando pouco a pouco.

Alén de organizar, dirixir e axudar a que estes proxecto saian adiante, tamén organizan obradoiros de formación básica de voluntariado, de habilidades sociais e comunicación... informan sobre cursos de verán e demais actividades relacionadas co voluntariado e a solidaridade.

Así que... en nome de todos os voluntarios... gracias Ricardo e Xermán por todo o traballo que facedes e por apoiarnos para continuar con todos eses proxectos.

Aquí deixo a única foto que hai deles :)

viernes, mayo 19, 2006

Primeira Entrevista

Sentimos moito tervos feito agardar tanto tempo, mais a vosa paciencia ten premio e xa podedes saltar de xúbilo posto que aquí vos ofrecemos, quentiña e recén saída do forno a primeira da serie de entrevistas a voluntarios que iremos publicando pouco a pouco.

A afortunada en estrear a nosa serie de entrevistas na bitácora é Cristina Álvarez Fernández, unha estudiante de Maxisterio de Educación Infantil no campus de Pontevedra que participa como voluntaria na Fundación CUME - Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres. Cristina desenvolve o seu labor no centro dos Irmáns Misioneiros en Teis, Vigo; onde axuda ás persoas maiores do centro. A finalidade concreta do proxecto no que se involucrou esta moza é axudar nas labores diarias do comedor así coma colaborar no acompañamento das persoas maiores dentro do centro. Isto implica a realización dunha serie de actividades, tales coma acompañar aos maiores no paseo, axudalos a desprazarse ata o comedor e a comer, acompañalos para deitarse despois das comidas e en xeral ofrecerlles compaña, que ben o merecen despois dunha longa vida.

No tocante ao seu traballo como voluntaria, Cristina afirmounos: “gústame moito, xa que puiden aprender moitas cousas e a valorar o realmente importante”. As motivacións que a levaron a interesarse polo voluntariado foron axudar á xente necesitada alén do seu afán por experimentar cousas novas. A nosa compañeira comentounos que se decidiu polo proxecto do Comedor dos Irmáns Misioneiros porque: “me parecían xente realmente moi necesitada polo feito de seren enfermos sen familia nin recursos económicos”.

Ao relatarnos a súa experiencia persoal, Cristina díxonos que o contacto tanto cos outros voluntarios coma cos maiores resultou moi positivo, malia que, debido a un posible cambio de residencia, as persoas maiores están pasando por un mal momento, o que se ve reflectido nas súas relacións cos voluntairos. A nosa voluntaria tamén nos asegurou que: “dende o punto de vista persoal, penso que a experiencia como voluntaria me realiza, posto que vexo que gañei o cariño dos maiores e tamén porque me permite decatarme da falla de afecto que sofren moitas persoas na nosa sociedade, mesmo por parte dos seus familiares máis directos, o que os leva a acudir a centros coma o dos Irmáns Misioneiros”.

Para rematar, Cristina recoméndanos a todos, en especial aos interesados en traballar como voluntarios con persoas maiores, que nos involucremos nalgunha organización que atenda a este colectivo; e nos ofrece un consello do que, por suposto, tomamos nota: “nos comezos, as situacións que implican as actividades prantexadas por un proxecto desta índole poden resultar incómodas, principalmente debido a que inicialmente non se coñece ás persoas ás que se vai atender; un pode sentirse observado, mais isto é algo común en tódalas relacións humanas”.

Gracias, Cristina, polo teu traballo e polo teu testemuño.

Ricardo, voluntario do gdS

miércoles, mayo 10, 2006

¡Xa estamos aqui!

Con esta primeira entrada, queremos presentarnos a toda aquela xente que poida estar interesada nas actividades que desenvolvemos os voluntarios da UVigo. Neste blog tentaremos plasmar, introducir e achegar a todas as persoas que desexen visitarnos, os proxectos que desenvolven os voluntarios da Universidade de Vigo baixo a coordinación da OSIX, así como as experiencias que recolleremos dos distintos voluntarios que teñen participado nos devanditos proxectos. Tamén aproveitaremos esta canle pública para emitir avisos e informar das actividades que organicemos de aquí en diante.

Este blog xorde mesmo dun proxecto que tiña como obxectivo a creación dun grupo de sensibilización no ámbito do campus universitario de As Lagoas - Marcosende e somos os voluntarios dese grupo os que nos encargaremos de manter o blog.

Só resta darvos a benvida a todos e gracias por visitarnos.

Ricardo, voluntario do gdS

PD: a ver se conseguimos que vos pique a curiosidade e vos unades a nós e decidades participar no mundo do voluntariado. XD